Este terceiro trimestre a lectura foi moi especial xa que veu acompañada, ao seu remate, dunha visita á aula hospitalaria do CHUAC da Coruña.

O libro escollido foi " O corazón da maxia" de Xavier Estévez. Narra a historia de Laura, unha rapaza de 12 anos que está hospitalizada. A súa grave doenza provócalle falta de apetito e cansazo, ata o punto de verse obrigada a cortar o pelo porque nin forzas ten para peitearse. Cando mellora un chisquiño, tenta ser feliz visitando os outros nenos da planta e facendo incursións por outras dependencias do hospital co seu pano de pirata.
A pesar da dureza da obra, resulta necesario traballar co alumnado a empatía, o descubrimento da realidade doutros nenos e nenas que, aínda sendo diferente á súa, comparten ilusións e soños semellantes.
Na visita compartimos momentos de xogo e conversas moi especiais. Deixamos a nosa pegada cos nosos debuxos e recibimos un fermoso agasallo. Grazas por compartir con nós este tempo tan especial.
Queremos agradecer especificamente a labor de Camino, a mestra da Aula Hospitalaria do CHUAC, pola súa implicación nesta actividade. Parabéns polo teu impresionante traballo!
Desexamos aos nenos/as hospitalizados moita forza para mellorarse!










